Friday 03 de May de 2024

O Castelo de Narahío e a UDC Narahío organizan unha andaina en protesta contra o parque eólico Caaveiro


Fan tamén un chamamento á participación doutras entidades, especialmente á plataforma “Neda di Non”, que o sábado pola mañá -11.30h- tamén convocou unha manifestación con saída desde a Casa do Concello de Neda cara ao Puntal.

As dúas entidades sociais da parroquia de Naraío, en San Sadurniño, organizaron para a tarde deste sábado 24 de xuño unha camiñada simbólica coa que queren mostrar, unha vez máis, o seu rexeitamento ao proxecto do parque eólico Caaveiro pola súa alta incidencia paisaxística, ambiental e sobre a vida da veciñanza, ademais doutras posibles afeccións sobre o patrimonio, os acuíferos ou os aproveitamentos forestais.

As persoas que queiran sumarse á acción de protesta teñen dúas opcións:

A primeira é saír a pé ás 17.00h desde o cruce do Eirexado para facer un percorrido de algo máis de 4 km de dificultade media. O itinerario subirá primeiro até o cemiterio novo do Gandarón e logo continuará por pistas forestais até o punto máis elevado da Louseira. No traxecto pasarase pola Cruz da Cortella, onde se agarda que poidan unirse participantes procedentes do lado de Neda. Estiman que a chegada ao destino se produza a iso das 18.30 ou 19.00h.
A outra posibilidade para participar na acción de protesta está pensada para quen non queira ou poida completar o itinerario -que ten un desnivel pronunciado-. Por iso se dá a opción de achegarse á reunión final, no Coto da Louseira, accedendo a ela desde a pista que enlaza Formariz con Quintiá, situada a escasos 500 metros do punto de encontro, con acceso doado e onde é posible deixar o coche.
Unha vez se xunten ambas andainas avanzarán xuntas até as Penas Louseiras e será alí onde se lerá o manifesto de rexeitamento ao proxecto. Por razóns preventivas recoméndase usar máscara en todo momento e gardar a separación mínima de 1,5 metros. A ruta farase en pequenos grupos dun máximo de 10 persoas separados varios metros entre si.

A ruta programada pola AVV O Castelo de Narahío -con apoio da UDC Narahío- será a segunda cita de rexeitamento do proxecto do parque eólico Caaveiro que se celebre na zona durante a xornada deste sábado. E é que para as 11.30h., a plataforma “Neda di Non” tamén convocou unha manifestación que percorrerá o traxecto comprendido entre a Casa do Concello de Neda e o lugar do Puntal.

O Castelo de Narahío fai un chamamento á máxima participación veciñal en ambas marchas de protesta, ao tempo que se recorda a necesidade de presentar o máximo número de alegacións posibles antes do 27 de xullo para deixar constancia da negativa veciñal á instalación do parque.